O 30 de setembro remata o prazo para beneficiarse da cota reducida para participar no trail Monte Comado e na carreira 1/2Kms Vertical de Barreiros.

A segunda fin de semana de outubro, días 12 e 13 nesta ocasión, é xa unha data de referencia no calendario deportivo mariñao. Un ano máis, no concello de Barreiros, terá lugar unha nova edición da Carreira 1/2 Km. Vertical e o Trail Monte Comado, que organiza o colectivo ACD Praias de Comado. Serán a quinta e sexta edición, respectivamente, dunha cita que cada vez colleita máis participantes chegados desde distintos puntos de todo Galicia, mais tamén do norte español e incluso da meseta, tendo alcanzado preto dos dous centos de persoas inscritas. 

As inscricións xa están abertas e ata o último día deste mes, luns 30 de setembro, aquelas persoas que desexen participar poderán beneficiarse da cota de inscrición reducida. Ata dito día, o prezo da inscrición é de: 

- 8€ para o 1/2Km. Vertical. Prezo estándar a partir do 1 de outubro, 10€. 
- 15€ para o Trail Curto (10km). Prezo estándar a partir do 1 de outubro, 18€. 
- 18€ para o Trail Largo (28km). Prezo estándar a partir do 1 de outubro, 21€. 

Ambos os dous trails, curto e longo, terán lugar o domingo 13 de outubro, e a inscrición en calquera destes inclúe, de balde, a participación na Carreira 1/2 Vertical que se celebra o día previo, sábado 12 de outubro pola tarde. O mesmo sábado celebrarase tamén a carreira infantil no mesmo Monte Comado, a cal é de balde pero que require igualmente de inscrición. Toda a información está dispoñible na páxina web https://mediokmverticalmontecomado.jimdo.com, dende a cal se pode acceder tamén á pasarela de inscricións. 

A inscrición en calquera das probas inclúe, ademais dos correspondentes medidas e cobertura de seguridade e atención médica durante a proba, agasallos, avituallamentos durante todo o percorrido e os xa tradicionais pinchos ao remate, como peche lúdico e en confraternidade a unha intensa fin de semana deportiva.