O 4 de marzo serán entregados en Foz os premios aos gañadores do XVI Certame de Poemas de Amor. Será no Festival dos Namorados.

O xurado fallou a décimo sexta edición do certame de poemas de amor convocado pola biblioteca municipal de Foz. Os premios entregaranse durante o Festival dos Namorados, que se celebrará este sábado, día 4 de marzo, no salón de actos da Casa da Cultura focense.

A concelleira de Cultura, Silvia Blach Cuesta, anunciou hoxe que “o xurado reuniuse o dia 24 de febreiro para seleccionar os gañadores do XVI Certame de Poemas de Amor. A participación neste certame foi de 32 poemas, dos cales hai que salientar os recibidos de fóra de Foz, como ven sendo habitual, coa participación de xente de Lugo, Betanzos, Quiroga, Ribadeo, Burela, Xove,... na categoría de adultos. O participante de maior idade foi de 71 anos”.

A Concellería de Cultura e a Biblioteca Pública queren “agradecer a todos a participación neste certame e séntense satisfeitas de que un certame destas características encontre oco entre xentes de todas as idades. Agradecer tamén aos patrocinadores, Restaurante Casa Maño e Construcciones y Canalizaciones Saa, a súa xentileza na colaboración cos premios que ofrecemos: 3 ceas para dúas persoas e unha noite de hotel”.

Os gañadores foron os seguintes:
Categoría infantil:
1º premio (agasallo e lote de libros): Amor o avó, de Ainhoa López Franco (Foz).
Categoría xuvenil: 
1º premio (50 euros e cea): Por que ti?, de Macarena Ledo Vázquez (Burela).
2º premio (30 euros e cea): O sentido de amar, de Antía Castiñeira Marrero (Foz).
Categoría de adultos:
1º Premio (100 euros e noite de hotel para dúas persoas): No decorrer do círculo coincidente, de Lucía Barrera López (Foz).
2º Premio (60 euros e cea): Tormenta, de Lucía Ramiro Taboada (Foz).
Accésit especial: Hoxe direi a verdade, de Pedro Antonio Vicente Canoura (Xove).

A entrega dos premios será no vindeiro Festival dos Namorados, que se celebrará o sábado, 4 de marzo, ás 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura e que contará coa actuación de Alumnos da Aula Moderna da Escola de Música de Foz (Pedro Ramiro, André Dorado, Mariña Barreiro, María Jesús e Sara Bahía) e do director Felipe Sánchez.