O 6 de outubro celébrase en Burela o terceiro sorteo da campaña da FCAM na que se están a poñer en xogo máis de 10.000 euros en premios ata o 10 de novembro.

Este sábado, 6 de outubro, chega a Burela a campaña da Federación de Comercio A Mariña que está a repartir máis de 10.000 euros en premios nos oitos sorteos que se desenvolven ata o 10 de novembro. En cada localidade participante póñense en xogo 1.500 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a cada Asociación de Comerciantes participante. 

Pasado mañá terá lugar o terceiro sorteo desta campaña. Será en Burela a partires das 20:30 horas na Praza da Mariña. As seguintes citas serán en Ribadeo, o día 13; en Foz, o día 20; e en Lourenzá o 27 de outubro. Os sorteos continuarán en Xove o 3 de novembro e rematarán o 10 de novembro en O Vicedo. 

As persoas interesadas en participar nesta importante campaña da FCAM deben gardar os tíckets de compra nos establecementos asociados e entrarán nos sorteos de 1.500 euros en vales de compra en cada unha das oito asociacións de comerciantes da Mariña que forman parte da FCAM.

Os sábados dos sorteos durante todo o día e en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas na carpa instalada pola Federación de Comercio A Mariña realizarase o canxe dos tíckets polas papeletas que lle permitirán á clientela do comercio mariñá participar nos devanditos sorteos, que serán presenciais e na mesma carpa. Está previsto que todos dean comezo ás 20:30 horas. 

A FCAM repartirá máis de 10.000 euros premios en menos de dous meses, nunha campaña que está consolidada entre a poboación da comarca e que serve para reactivar as compras no comercio de proximidade durante o outono. Está financiada pola FCAM, pola Xunta de Galicia coas súas liñas de axuda ao comercio e conta coa colaboración da Federación Galega de Comercio. 

En Viveiro e en Covas xa se sortearon en total 3.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados ao Centro Comercial Casco Histórico e a Beiras de Viveiro.