O 8 de outubro terá lugar en Ribadeo a xornada de exaltación do pemento de Piñeira no Mercado dos Domingos

O 8 de outubro terá lugar a xornada de exaltación do pemento de Piñeira no Mercado dos Domingos. Haberá unha proxección, unha exposición, unha mostra degustación, tapiñas nos locais hostaleiros da contorna e música. A cita foi presentada pola concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz. 

A edil ribadense contou que “o vindeiro 8 de outubro volvemos ter unha cita no Mercado dos Domingos, nesta ocasión será coa xornada de exaltación do pemento de Piñeira”. 

Saiz relatou que “ás 11:30 teremos Conversas na cortiña coas produtoras e produtores;  ás 12:15 horas mostra degustación do pemento de Piñeira a cargo de Mar Orosa, cociñeira do restaurante El Oviedo; e a partir das 13:00h horas concerto con Paraíso Canto. Ademais durante as horas do mediodía poderemos disfrutar dunhas tapiñas nos locais hostaleiros da contorna do mercado. E tamén poderemos visitar a exposición Impórtanos un pemento, onde poderemos ver a trazabilidade deste produto desde a súa semente ata a súa recollida”.

A concelleira de Comercio e Turismo subliñou que “a historia do pemento de Piñeira discorre paralela á de varias xeracións de veciños e veciñas desta parroquia e dous seus arredores, que protexeron e transmitiron os segredos da sementeira, o cultivo e a recollida deste produto con características propias, que o diferencian doutras variedades autóctonas. Os labregos e as labregas de Piñeira e Vilaselán sempre foron extremadamente coidadosos cos traballos que rodean ao pemento, cultivándoo como se dun verdadeiro ritual se tratara, transmitindo os seus segredos de xeración en xeración”.

Marta Saiz anima a acudir ao Mercado dos Domingos: “por todo isto e porque alí poderedes atopar e mercar produtos de proximidade e de gran calidade non esquezades acudir a este cita o vindeiro domingo, 8 de outubro. Convidámosvos a mergullarvos na historia do noso pemento”.