O actor Serxio Pazos será o pregoeiro da IV Romaxe Vikinga, que se celebrará no Vicedo os días 26 e 27 de xullo.

A IV Romaxe Viquinga de O Vicedo celebrarase os días 26 e 27 de xullo, na praia de Area Grande, en San Román, que será o principal escenario.

O pregoeiro nesta edición será o actor galego Serxio Pazos, e unha das novidades do programa será o espectáculo Terras de Queimada, que terá lugar na noite do venres 26.

O apartado artístico da romaxe correrá a cargo de Enrique Domínguez e Andrea Pousa, Queiman e Pousa, que salientan que a parte do desembarco na praia será máis destacada este ano, despois de que o ano pasado fora moitísimo o público que seguiu o espectáculo desde a area. Tamén salientaron que haberá actividades durante todo o sábado 27, e agradeceron á participación dos veciños do pobo e dos Cabaleiros do Vicedo.

Previamente á celebración desta romaxe, alumnos e alumnas do CEIP DE O Vicedo participaron no concurso de Debuxo Infantil da Romaxe Viquinga no que resultaron gañadoras: Daniela Vale Martínez, na categoría de primeiro a terceiro de Primaria; e Ana González Fra, na de cuarto a sexto.