O barrio de Corporacións, en Foz, celebra o 23 de xuño a festa de San Xoán, que será pregoada por Chichita

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que colabora, un ano máis, na organización do San Xoán, do barrio das Corporacións, en Foz. O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, participou na presentación desta celebración popular, organizada pola asociación Pe do Molete, que se celebrará o 23 de xuño. O evento comezará ás 13:30 horas co pregón de José Antonio Neira (Chichita) e manterase durante toda a tarde e noite até o encendido da fogueira, cunha representación do colectivo cultural focense O Feitizo arredor do simbolismo desta data e coa actuación da charanga ourensá Los Támega.

Daniel García valorou “o traballo da asociación organizadora, que con esta xornada festiva reúne a veciñanza nunha data como o San Xoán, con ritos e tradicións que forman parte da nosa tradición e patrimonio cultural”.

A participación no programa do San Xoán das Corporacións encádrase nas programacións que a Vicepresidencia da Deputación desenvolve para “impulsar a presenza da música tradicional, da animación de rúa e da música en galego en citas festivas e culturais de todas as comarcas, reforzando a actividade que desenvolve o tecido asociativo”.