O CCA de Burela anima aos veciños e pídelles que confíen no comercio local á volta da corentena. Faino coa creación dun vídeo motivador.

O Centro Comercial Aberto de Burela quere seguir animando a veciños e veciñas da localidade e darlle folgos durante estas duras semanas de confinamento. Para tal fin veñen de crear un vídeo publicado na súa páxina de Facebook no que intentan motivar aos clientes para que confíen no comercio de proximidade e así poidan axudar á recuperación económica local unha vez pase a corentena. 
https://www.facebook.com/ccaburela/videos/149594083137890/ 

Desde o colectivo pensan que esta situación é moi complicada e os folgos flaquean a estas alturas, pero esperan que os bureleses e burelesas aporten, na medida das súas posibilidades, para que o futuro da localidade sexa menos incerto. 

A situación dos comerciantes 
Tamén desde a directiva dos empresarios, entenden que eles mesmos son un dos colectivos máis prexudicados, xa que as súas fontes de ingresos foron totalmente cortadas por mor do estado de alarma. Para intentar axudar a esta situación decidiron suspender o pago da cota do 2º trimestre do ano, que quedará perdoada. Con esta medida queren axudar a aliviar a situación económica dos seus socios e socias. 

Tamén algúns dos comerciantes están promovendo un hastag nas súas redes sociais #medrandoxuntosquedonacasa no instan a que as persoas non se movan do seu domicilio, que teñan ánimos e, sobre todo, que sigan confiando no comercio local unha vez que a situación volva á normalidade. 

O Centro Comercial Aberto de Burela quere mandar unha mensaxe positiva e de ánimo e están convencidos de que despois da situación actual continuaremos medrando xuntos.