O CCH de Viveiro puxo en marcha unha campaña de envíos gratis durante os meses de marzo, abril e maio á Mariña e tamén a Ortegal.

Desde Centro Comercial Histórico de Viveiro explican que “neste mes de marzo puxéronse en marcha varias iniciativas dende o CCHV. Iniciamos o mes coa campaña de Fora Stocks, cun resultado de ventas extraordinario, continuamos co sorteo de 1.500€ en premios na campaña do Dia do Pai, cun éxito de participación moi elevado, e finalizamos cunha campaña posta en marcha fai uns días na que os envíos realizados nos meses de marzo, abril e maio, tanto á Mariña como a Ortegal serán gratuítos”.

E engaden: “pretendemos con esta iniciativa facilitar as compras de tódolos clientes, que por un motivo ou outro non se poden achegar a Viveiro a mercar, ou simplemente por comodidade. Por un lado está enfocado á venta a través das redes sociais ou as webs, se un cliente ve algo que quere mercar nalgunha das redes dos negocios asociados o envío sairalle gratuíto. Por outro lado, está enfocado a dar un servizo post venta a aqueles clientes que veñen a mercar a Viveiro e non poden levar nese momento o que queren, ben porque non hai talla, número, o artigo está esgotado e hai que pedilo ou porque se trata dun arranxo. Nestes casos enviaráselles gratuitamente no momento en que o produto estea dispoñible”.

Desde CCH Viveiro sinalan que “estamos seguros de que esta iniciativa terá moi boa acollida, facilitará o proceso de decisión de compra dos clientes das localidades veciñas e axudará a afianzar un servizo máis que presta o comercio local”.

O comercio asociado ó CCHV abrirá o Xoves Santo pola mañá, será en horario de festivos de 11 a 14 horas.