O CCH de Viveiro repartirá 1.300 euros na campaña da nai para gastar nun so día.

Desde a asociación explican que “nesta ocasión apostamos por seguir premiando a fidelidade dos nosos clientes con algo especial para celebrar nesta data, e sortearemos 1.300€ para gastar no comercio local nun só dia. Isto sí que é felicidade, ter 1.300€ e gastalos despreocupadamente nun dia!”.

Desde o CCH de Viveiro contan que “o dia para gastar o premio será no mes de maio, a acordar ca gañadora, que terá mañá e tarde en horario comercial para consumir a totalidade do premio. Estará repartido en bonos de 100€ para gastar en 13 sectores comerciais distintos: téxtil, calzado, deportes, mercerías e paqueterías, bazar-mobles e decoración, ópticas, xoierías, telefonía e informática, beleza e benestar, librerías e xogueterías, alimentación, servizos profesionais e hostalaría”. 

Os interesados poderán participar depositando un tícket de compra de mínimo 20€ nas urnas habilitadas en calquera dos negocios asociados ó CCHV. Permítese a acumulación de varios tíckets de cantidades inferiores ata sumar os 20€. Os tíckets serán válidos polas compras realizadas dende o 25 ata o 30 de abril. O sorteo realizarase o 3 de maio ás 16:00 horas nas oficinas da asociación, e comunicaráselle de inmediato ó gañador. No caso de renuncia ó premio, procederase á extracción dun novo tícket ata que apareza gañador. 

Desde o CCH engaden que “os obxectivos perseguidos con tódalas campañas que pon en marcha a asociación son por unha parte a de premiar a fidelidade dos clientes que apostan por mercar no comercio local e por outra fomentar a unión de tódolos comerciantes da zoa para traballar en conxunto e dinamizar o comercio de Viveiro”. 

As bases da campaña e toda a información pódese consultar na web www.viveirocentro.com, e no perfil de Facebook, Twitter e Instagram.