O CD Lugo e o Real Oviedo disputarán o 70º Trofeo Emma Cuervo, de Ribadeo, o 31 de xullo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Ribadeo na presentación do 70º Trofeo Emma Cuervo, que se celebrará o vindeiro 31 de xullo organizado polo Ribadeo FC co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte. 

Arias felicitou á entidade deportiva ribadense polo seu dinamismo e “por dar continuidade durante tantos anos a esta cita deportiva tan senlleira”, que nesta edición contará “con dous equipos de elite, o Real Oviedo e o CD Lugo, o noso representante na Segunda División e o noso embaixador no fútbol profesional”.

O torneo disputarase no estadio Pepe Barrera e este ano estrea como trofeo unha reprodución da Torre dos Moreno de 60 centímetros de alto deseñada e fabricada por Sargadelos. 

Ademais, o 14 de agosto disputarase a primeira edición do Emma Cuervo Feminino, entre o Real Oviedo e o Athletic de Bilbao, este último equipo na Primeira División do fútbol feminino.