O Centro Multiusos de Viveiro acolle ata o 21 de xaneiro unha exposición sobre deportados da Mariña aos campos nazis

O Seminario de Estudos Terra de Viveiro organiza unha exposición sobre deportados da Mariña aos campos de exterminio nazis que poderá visitarse no Centro Multitusos do Concello de Viveiro ata o día 21 de xaneiro.

A mostra será inaugurada este venres 12 ás oito da tarde cun coloquio sobre as deportacións no que participarán Antonio Muñoz, investigador da Universidade de Lisboa; Miguel Freire, profesor e directivo da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica; e Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro.

O xoves 18, no mesmo lugar e tamén ás 20:00 horas, terá lugar unha charla sobre “A evacuación do Santa Teresa, de Viveiro a Francia (1946)”,  a cargo do profesor e historiador Ramón García Piñeiro.