O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, impartirá un curso de construción e reparación de embarcacións de fibra de vidro con prácticas en Astilleros del Eo.

O Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, de Ribadeo impartirá no vindeiro curso 2022-23, a partir de setembro, un curso de construción e reparación de embarcacións de fibra de vidro con prácticas na empresa Astilleros del Eo, situada no municipio asturiano de Castropol. O curso é de 6 meses de formación e hai 15 prazas.

O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, destaca que “esta formación en construción e reparación de embarcacións de fibra de vidro xa se impartiu no centro no presente curso académico e tivo moi bos resultados: de 24 alumnos que realizaron o curso 17 quedaron finalmente contratados por Astilleros del Eo, que é a empresa filial de Astilleros Gondán que se encarga da fabricación deste tipo de embarcacións. É un curso de 632 horas que dará comezo en setembro de 2022, rematará a finais de febreiro de 2023 e poderán participar como máximo 15 alumnos. Polo tanto as prazas son limitadas. E ao finalizar estes seis meses de formación o alumnado realizará 2 semanas de prácticas en Astilleros del Eo, no municipio asturiano de Castropol, e os participantes que encaixen no perfil de traballador que necesitan no estaleiro para fabricar as embarcacións que constrúen pasarán a formar parte desa empresa”.

Isidro Berdeal engade que “é un curso que na primeira edición tivo moi boa aceptación. É eminentemente práctico e requírese simplemente ter a titulación na ESO ou un curso de acceso para ciclos de grao medio. E ao finalizar o alumnado obtén unha certificación profesional como especialista en procesos de fabricación e mantemento de compoñentes de plástico reforzado con fibra de vidro, o que lle abre moitas máis posibilidades de traballo, non soamente no sector naval”.

Os interesados en optar a algunha desas 15 prazas deben presentar a súa solicitude canto antes no CIFP Porta da Auga. Para máis información poden contactar a través do teléfono (982.128.894) ou do correo electrónico: cifp.portadaauga@edu.xunta.gal.