O CIT de San Ciprián (Cervo) organiza o Día do Turista este sábado, 1 de agosto

O municipio de Cervo acollerá a celebración do Día do Turista este sábado, día 1 de agosto, evento organizado polo Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) de San Ciprián coa colaboración da administración local. Na presentación da xornada participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés; a concelleira Mali Méndez; e membros da directiva do CIT, entidade promotora desta cita estival.

O Concello de Cervo anuncia que o evento “ofrecerá un completo programa de actividades dirixidas a públicos de todas as idades, co obxectivo de dinamizar a vila, e favorecer a convivencia entre veciñanza e visitantes. A programación arrancará cunha actividade de castelos na area, na Praia do Torno, cuxa inscrición se pode facer alí mesmo entre as 11:00 e as 11:30 da mañá; seguida dunha comida degustación de salpicón de bonito na sede do CIT, ás 14:30 horas. Xa pola tarde haberá pintacaras na Praza dos Campos ás 17:00 horas e, como broche final, celebrarase o desfile e concurso de Entroido de Verán, amenizado con música a cargo dun DJ a partir das 19:00 horas”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, agradece ao CIT “o traballo que desenvolve ao longo de todo o ano para dinamizar San Ciprián e promover actividades que enriquecen a oferta turística e de lecer do municipio”, ao tempo que animou á veciñanza e ás persoas que visitan Cervo durante o verán a participar nesta xornada festiva.

Desde o Concello de Cervo reiteran o seu compromiso coa colaboración co tecido asociativo local, apoiando iniciativas como o Día do Turista, que “contribúen a promocionar o municipio e a consolidalo como un referente turístico da Mariña”.