O comercio de Ribadeo abriu as súas portas. Acisa fíxolle entrega de cartelería con recomendacións e normas, mascarillas e material desinfectante.

Acisa repartiu hoxe entre os seus socios e socias a cartelería precisa coas novas normas e recomendacións que hai que ter en conta á hora de entrar a comprar nun establecemento comercial. O xerente, Jesús Pérez, confirmou que “aínda que hoxe é o luns, e os luns en Ribadeo tradicionalmente o comercio está pechado, temos que confirmar que arredor do 90% dos nosos asociados e asociadas están abertos. É unha xornada na que están a recibir todo o material que lles estamos a entregar de xeito totalmente gratuíto e están a ver cómo se achegan os primeiros clientes, tras dous meses de peche desde que se decretou o estado de alarma”. 

Acisa estalles a entregar aos socios e tamén a aqueles outros que non son asociados, pero que si o demandaron, carteis para poñer o aforo dos locais, coas recomendacións de uso de mascarillas, de luvas, de manter a distancia de seguridade, e de desinfectar as mans cos xeles que atoparán nos establecementos, a necesidade de manter a distancia se seguridade ou a de efectuar os pagos con tarxeta. Tamén están a recibir cintas para colocar no chan “e que así a xente saiba onde ten que agardar pola súa quenda”. 

Todo este material únese ás mais de 3.300 mascarillas cirúrxicas, aos 180 botes de xel hidroalcohólico e ás 100.000 luvas de usar e tirar. Éstas últimas repartiranse dentro duns días, “porque tivemos moitas complicacións para poder conseguilas. O resto do material xa está en todos os comercios que abriron hoxe. Hainos que abren mañá, co que continuaremos co reparto esa xornada. E no caso da hostalería contarán con todo este material cando vaian abrindo”.

O presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, animan “a comprar no comercio local. Agora máis que nunca este sector precisa do apoio da súa clientela. Si queremos que os pobos sigan tendo vida temos que mercar en Ribadeo, senón acabarán desaparecendo os locais e con eles as nosas vilas”.  

Desde Acisa confirman que “no caso da hostalería algunhas terrazas de socios e de non asociados abriron hoxe. Son poucas ata o momento, pero estamos a recibir moitas chamadas con consultas, con dúbidas, etc, de bares amosando interese por abrir as súas terrazas. Estamos convencidos de que algunhas máis irán abrindo nos vindeiros días”. 

Acisa ademais envía a diario información actualizada aos seus socios e socias coas medidas e novidades que as diferentes administracións están a poñer en marcha durante o estado de alarma, ocasionado pola chegada a España da pandemia do Covid-19.