O complexo RegalXunqueira, de Viveiro, acolle ata o 11 de febreiro a exposición Xoias Rurais, con pinturas de Marisa Walsh.

O complexo cultural Regal Xunqueira, no municipio de Viveiro, acolle a exposición Xoias Rurais, con pinturas de Marisa Walsh Iglesias. Esta mostra poderá visitarse ata o 11 de febreiro de 2023.

Corría o ano 1964 cando Marisa veu por primeira vez a Galicia para visitar á súa avoa e, en palabras súas, con tan só 15 anos de idade quedouse totalmente prendada do lugar. Marisa é de nai galega e pai británico.

Vivindo en Londres descubriu o seu amor pola arte ós “trintaetantos” e apuntouse entón a Escola de Artes Putney. En 2014 prexubilouse e veu vivir a Mañón (A Coruña). Mercou unha casa na aldea, onde era visitada a cotío polos cabalos e vacas da veciñanza. Foi así como comezou o seu romance coa vida no campo.  Empezou un diario onde realizaba unha pintura por día. Algúns veciños pedíronlle que retratase os seus animais, dando comezo á súa paixón actual. En Londres pintaba e vendía bodegóns e paisaxes, pero en Mañón era o entorno o que a inspiraba cada día.

Durante a pandemia, para manterse ocupada, fixo pequenos retratos dos cans das súas amizades. Agora os seus pequenos e divertidos retratos de diversas mascotas están espallados por numerosas partes do mundo.

Para Marisa a parte máis importante da súa arte reside nos ollos do animal que retrata, clave que a día de hoxe aínda mantén.