O Concello de Burela apoia e pide a colaboración veciñal co proxecto "Corazón Solidario"

O Concello de Burela quere dar a coñecer a iniciativa ‘Corazón Solidario’, na que están a colaborar as mulleres inscritas no curso de bordado que organiza o Concello de Burela e imparte María José Mon.

A orixe desta iniciativa sitúase no ano 2001 nun hospital norteamericano. Alí, unha enfermeira do servizo de Oncoloxía tivo que ser operada de cancro de mama. Foron as súas tías as que idearon unha almofada que se axustaba confortablemente debaixo do brazo, reducindo de maneira notable a dor da incisión, ao non premer o edema orixinado pola intervención. 

Dados os bos resultados obtidos, axiña se fixo extensiva a entrega de almofadas a mulleres operadas de cancro de mama noutros países.

Grazas ao esforzo das voluntarias do curso de bordado de Burela, xa se fixeron un importante número de 'corazóns', que elas mesmas van entregar á Asociación Española Contra o Cancro e á Asociación Esperanza, que á súa vez os entregarán na unidade de Oncoloxía do Hospital da Mariña para que de xeito gratuíto os repartan entre as mulleres operadas de cancro de mama.

E como a finalidade desta acción é a de facer o maior número posíbel de 'corazóns', solicitan a colaboración de toda a veciñanza de Burela para que lles fagan chegar material co que confeccionar os ‘Corazóns Solidarios’.

Calquera dos materiais cos que se confeccionan estes coxíns terapéuticos poderán adquirirse nos seguintes comercios da vila:
- Lanas Pacita, Rúa O Río, 5
- Mercería Paca, Av. Arcadio Pardiñas, 77
- Mercería Ajuar, Rúa Rosalía de Castro, 30
- Decoracións Pura, Rúa Pardo Bazán, 9
- TecidosBaltar, Rúa Eijo Garay, 2