O Concello de Burela pon en marcha a campaña "Garda os teus contactos" para seguir concienciando sobre o covid. Haberá sorteos e premios para os mellores comportamentos.

A Concellería de Servizos Sociais continúa coa campaña de concienciación social por mor do Covid-19. Garda os teus contactos foi presentada esta mañá polo equipo de goberno burelés nas escaleiras da Casa do Concello. Haberá sorteos, a través das redes sociais, e premios para os mellores comportamentos. 

Carmela López  explica que “nesta ocasión, un equipo de veciños e veciñas de Burela entre os que se atopan sanitarios, veterinarios, deportistas, traballadores municipais, psicólogos, influencers locais e membros de Corpos de Seguridade e do equipo de goberno municipal será o encargado de revisar mans limpas, o bo uso da máscara, a distancia de seguridade… e premiar o bo comportamento dos cidadáns en diferentes zonas e espazos da vila”. 

A edil burelesa subliña que “ademais, promoveranse encontros telemáticos con asesores en materia de Covid para que a información chegue tamén desta maneira á cidadanía. Reforzar o aprendido durante estes meses é moi importante para manter a situación baixo control e non paralizar a nosa vila e a nosa comarca de novo. Coidar dos teus, coidar dos nosos minimizando a túa lista de contactos directos, por se nalgún momento es positivo é fundamental. Tes que ter clara esa lista e coñecer a quen habería que rastrear para ser rápidos ante un novo brote. Un contacto directo, segundo define o Sergas, é calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso, a unha distancia menor de 2 metros (exemplo: convivintes, visitas) e durante máis de 15 minutos sen as medidas de protección adecuadas. E temos que ter claro tamén, que é inviable que esa lista sexa ampla, sería moi egoísta actuar coma se nada pasase”.

Para Carmela López “ser os primeiros, serviu para aprender. Con moito traballo e sacrificio, e sobre todo un traballo en equipo, que foi fundamental entre tódalas administracións e a cidadanía conseguimos darlle a volta ao primeiro brote que tivemos que afrontar na Mariña. Hai que ser optimistas e positivos, pero sen relaxarse nin un momento. Non nolo podemos permitir”. 

A concelleira de Servizos Sociais manifesta que “con esta campaña de total cercanía coa cidadanía, que naceu nas redes sociais fomentando o uso da máscara e medidas de distanciamento social, e que agora continuará nas rúas da nosa vila. Tamén se pretende escoitar aos veciños, as súas dúbidas e inquedanzas con respecto á crise sanitaria, para poder mellorar entre todos e afrontar esta situación con unión e conciencia colectiva. A campaña estenderase no tempo incidindo no bo uso das instalacións municipais, espazos públicos, revisión de medidas correctas nas actividades promovidas polo concello, charlas educativas, encontros telemáticos…”. 

E engade que “se queres axudar e participar, soamente tes que aprender a convivir co virus aplicando as normas básicas: grupos reducidos, distanciamento social, uso de máscara e hixiene de mans.  Esperamos coincidir contigo para poder premiar o teu comportamento. E se non che cadra vernos, segue as nosas redes sociais e participa nos sorteos de camisetas que faremos para unirte á campaña Garda os teus contactos. Porque este virus vencémolo se pensamos nos demais e permanecemos unidos”.