O Concello de Burela recupera as Xeorutas, que se desenvolverán de outubro a decembro. A primeira será este sábado, día 10.

As Concellerías de Turismo e de Medio Ambiente anuncian que volven as Xeorutas no último trimestre do ano. O Concello recupera deste xeito as que non puideron celebrarse durante os meses de xuño e xullo por mor da pandemia do Covid-19. A Ruta Xeolóxica do Perdouro será os días 10 de outubro e 29 de decembro; a da Marosa, os días 5 e 27 de decembro; e a do Monte Castelo, o 7 de decembro. As Xeorutas foron presentadas polos concelleiros de Turismo e de Medio Ambiente, Ramiro Fernández e Toñi Eijo, xunto ao alcalde, Alfredo Llano. 

O edil de Turismo explicou que “desde a Concellería de Turismo, en colaboración coa de Medio Ambiente, imos volver poñer en marcha as rutas xeolóxicas que non puidemos facer durante o verán, nos meses de xuño e xullo, debido á pandemia. Quedáronnos pendentes unha serie de rutas que queríamos facer nesas datas que non foi posible facer, co cal iniciámolas outra vez na tempada de inverno”.

Ramiro Fernández indicou que “a primeira ruta vai ser este sábado, ás catro da tarde,  vaise facer a ruta do Perdouro. As rutas que non puidemos facer na tempada de verán, imos repartilas en festivos ou en pontes durante este último trimestre do ano”.

O concelleiro burelés considera que “é unha iniciativa, como dicimos sempre, que é exitosa. Animamos á xente a participar nesta primeira ruta que vai ser este sábado nunha das zonas máis privilexiadas, que é a do Perdouro, moi interesante para ver. Apostamos claramente por estas rutas xeolóxicas e desde logo é un obxectivo, da Delegación de Turismo e tamén da de Medio Ambiente, seguir impulsando o coñecemento destas áreas xeolóxicas que temos en Burela, que son unhas áreas envidiables que temos que seguir explotando e nesa labor estamos”.

Fernández Rey insistiu en “animar a toda a xente a participar, a que nos poida visitar nestes días ou á xente de Burela que teña curiosidade por coñecer algo máis do seu pobo e destas zonas, e aprender un pouco máis do que é o noso concello”.