O Concello de Cervo aposta pola divulgación do patrimonio natural e arquitectónico coa posta en valor da Ruta da Ribeira de Lieiro.

Deste xeito, a delegación de Medio Ambiente leva meses en contacto con investigadores do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, co fin de poñer en valor a importancia que tivo a canteiría no seu día en San Ciprián.

Froito dese traballo conxunto instaláronse diferentes fitos que referencian a pegada que queda do traballo dos canteiros no pobo; e é que en varias zonas de San Ciprián pódense observar os sinais que foron deixando co paso dos séculos en forma de frontes, bancos de traballo, trincheiras, cuñas e barreños, para extraer os sillares e mampostos cos que construír as edificacións tradicionais da  vila.

Os primeiros en coñecer de primeira man este itinerario circular de pouco máis de dous quilómetros bautizado como a “Ribeira de Lieiro” foron os alumnos e alumnas de 3º, 4º e 1º de Bacharelato do IES Marqués de Sargadelos, que acompañados polo alcalde, Alfonso Villares, pola edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, por profesores e técnicos municipais, percorreron esta mañá este tradicional camiño de pescadores.

O investigador do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, Jorge Fernández, foi o encargado de guiar a expedición, ofrecendo cumprida información sobre cada un dos paneis que foron instalados na ruta, que parte das Antigas Fábricas de Salgadura, ata a Praia da Limosa, e remata no punto de partida; e sobre os vestixios que se poden atopar destacando que “en San Ciprián se localizaron unha serie de canteiras e zonas de explotación relacionadas co patrimonio arquitectónico local, aínda que dúas delas chegáronse a explotar de maneira semi-industrial, fornecendo laxas que foron exportadas e que se empregaron, por exemplo, para o empedrado da Praza Maior de Oviedo”

O rexedor apuntou que “a nosa intención é seguir a traballar por poñer en valor todo o noso patrimonio natural, porque somos un Concello moi rico en historia, e é importante dalo a coñecer e divulgalo a todos os niveis, pero primeiramente entre a nosa veciñanza”.

Villares e Méndez convidan a todos aqueles que desexen pasar un bo momento ao aire libre a que se animen a dar este paseo pola Ribeira e descubran un pouquiño máis sobre o que fomos, pero tamén sobre todo canto pode ofrecer San Ciprián a día de hoxe; e que tamén está recollidos na ruta en diferentes fitos.

O sendeiro conta tamén con placas que conteñen o código QR para que aqueles camiñantes que o desexen poidan acceder facilmente a información ampliada sobre o percorrido.

Durante o verán programaranse diferentes rutas guiadas abertas a todos os veciños e visitantes que desexen participar.

Desde a delegación de Medio Ambiente habilitouse esta plataforma web na que se pode atopar toda a información ao respecto das canteiras históricas de San Ciprián: https://medioambiente8.wixsite.com/ribeiradelieiro/ruta-de-canteras-cant....