O Concello de Cervo ofrece á veciñanza novas actividades, a través das redes sociais, para axudar a afrontar o confinamento.

O cuarto programa #cervoquedanacasa comezará mañá, luns, co xogo Efecto Dominó, a idea é que os participantes coloquen unha serie de pezas coas que consigan crear este efecto e que o compartan no facebook do Concello.

O mércores, 29 de abril, Recicla con botellas. Deixa voar a túa imaxinación utilizando botellas ou envases. O venres, 1 de maio, Disfrázate de cine. Caracterízate da túa personaxe de cine ou serie favorita. 

O luns, 4 de maio, Circuíto. Idea e constrúe un circuíto de obstáculos para que rode unha pelota. O 6 de maio Recicla con tubos. Deixa voar de novo a túa imaxinación utilizando o tubo sobrante do papel hixiénico. E o 8 de maio O Circo na casa. Caracterízate dalgunha personaxe do circo. 

Desde o Concello de Cervo lembran que se premiará a orixinalidade en todas as modalidades.  

Os gañadores desta última semana foron:
- Merenda masterchef: Abel e Lía Luque
- Xogo de mesa: Marín e Helena
- Crea o teu bodegón: Lucía Canoura, pola súa obra "peneirar, peneirarei...".