O Concello de Cervo organiza charlas na Casa do Mar os martes 23 de abril, 21 de maio e 18 de xuño

O Concello de Cervo organiza os encontros titulados Charlando, dentro do programa Arruguiñas. Serán os martes 23 de abril, 21 de maio e 18 de xuño ás 18:30 horas na Casa do Mar, en San Ciprián, concretamente no local da asociación de xubilados Terramar.

O Concello de Cervo, coa colaboración da asociación de Xubilados Terramar, programa estes encontros informativos baixo o título Charlando, que se enmarcan no programa integral de envellecemento activo Arruguiñas, que arrincou no mes de febreiro e que inclúe talleres de memoria, talleres terapéuticos, rutinas de exercicios ou diferentes guateques itinerantes polas parroquias, para contribuír a dinamizar o día a día da veciñanza maior de sesenta anos e fomentar a súa socialización.

Neste caso Charlando é unha proposta aberta á poboación en xeral, que se desenvolverá un martes ao mes, no local da asociación de Xubilados Terramar, ás 18:30 horas. Está integrado por diferentes faladoiros que xirarán especialmente sobre a temática da Saúde Mental e que serán impartidos pola traballadora social e coach María José Novoa e pola psicóloga Sonia Nogueiras.

Este martes, 23 de abril, terá lugar o primeiro destes encontros no que se abordarán cuestións como os determinantes da saúde e da saúde mental, entre outros aspectos, dun xeito ameno e dinámico, acompañado por material audiovisual diverso.

Na presentación da actividade participaron a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, os membros da asociación Terramar, José Luis Sariego e Paco Alves, e as profesionais que se encargarán de impartir “unha charlas didácticas e moi necesarias nos tempos nos que vivimos xa que os problemas de saúde mental serán a principal causa de discapacidade no mundo no ano 2030”.

Tal e como reza un dos lemas da iniciativa “informarse é previr”, polo que desde o Concello de Cervo convidan á poboación a asistir a estes encontros tan interesantes.