O Concello de Cervo programa novos obradoiros de educación socioemocional e de técnicas de estudio. Comezarán o 22 de novembro.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, programa novos obradoiros de motivación e reforzo para o alumnado de primaria, nesta ocasión son cursos de educación socioemocional –dirixidos aos nenos e nenas de 1º a 3º de educación primaria-; e de técnicas de estudo –para o alumnado de 4º a 6º de primaria, e de 1º e 2º da ESO-.

Os obradoiros serán impartidos pola Psicóloga Iria Díaz, na Casa da Cultura de San Ciprián.

En concreto, o programa de Educación Socioemocional bautizado como “os contos de mochil”, impartirase todos os xoves en horario de 18:00 a 19:00 horas desde o 22 de novembro ata o remate do curso escolar. Nel traballarase a autoestima, a resolución de conflitos, a empatía, a autonomía, a convivencia e abordaranse técnicas de autocontrol, entre outros aspectos.

Pola súa banda, o obradoiro de técnicas de estudo dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO, impartirase os martes, de 19:00 a 20:00 horas, ata fin de curso, e abordaranse diferentes estratexias de comprensión lectora, técnicas mnemotécnicas, traballarase o resumo e o esquema e tamén se avaliarán as estratexias de estudo individuais.

Este mesmo obradoiro dirixido ao alumnado de 4º a 6º de primaria, terá lugar cada martes en horario de 17:30 a 18:30 horas; e os nenos e nenas que asistan traballarán tamén as estratexias de comprensión lectora, proporcionaránselles as ferramentas para a planificación e o desenvolvemento de hábitos de estudo e diferentes técnicas para a ampliación do campo visual.

As persoas interesadas en inscribirse ou en recibir máis información poden achegarse á Casa da Cultura, ou chamar ao teléfono 982.59.51.57.

O Concello de Cervo decidiu programar unha nova edición destes obradoiros dada a gran acollida que tiveron o curso pasado: o programa FORTIUS –no que se traballou a prevención de dificultades emocionais, contribuíndo ao desenvolvemento dunha personalidade saudable-; e o taller PÁRATE E PENSA –encamiñado a mellorar a concentración e a reflexividade, incidindo no manexo das emocións-.

O rexedor, Alfonso Villares, fixo fincapé en que estes obradoiros non foron concibidos como clases particulares de apoio nin moito menos; senón que por medio deles e da man de persoal cualificado “pretendemos brindarlle ao alumnado as ferramentas necesarias para contribuír a desenvolver as súas habilidades; algo que, directa ou indirectamente, tamén pode influír na mellora do seu rendemento escolar”.