O Concello de Cervo reabrirá a piscina olímpica de San Ciprián o 3 de setembro. En agosto estivo pechada a zona de baño para realizar diversos traballos.

O Concello de Cervo reabre a piscina olímpica de San Ciprián o vindeiro luns 3 de setembro en horario habitual de 9h a 22h de luns a venres de foma continuada e sábados de 10h a 14h e de 18h a 21h.

Durante o mes de agosto a zona de baño estivo pechada ao público para poder lear a cabo diversos traballos de acondicionamentos mecánicos de mantemento e vacacións do persoal, permanecendo aberto o ximnasio para os seus usuarios.

Como todos os anos, o Concello de Cervo non emitirá recibos aos seus socios durante este mes de agosto.

Para o edil de deportes, Jose Ramón Soto, “estas melloras realizadas, sen dúbida algunha, repercutirán no mellor servizo para todos os usuarios que cada ano aumentan considerablemente, posto que na actualidade xa se aproximan aos 800”.

Como ven sendo habitual, impartiranse cursos de Iniciación para bebés, Iniciación e Perfecionamento, Aquagim, Natación específica para recuperación de lesións, Preparación para probas e salvamento, Natación para embarazadas e Actividades lúdicas.

Para o alcalde Alfonso Villares “é importante apostar polo deporte e o mantemento dos servizos públicos, polo que desde o Concello de Cervo nos marcamos como un obxectivo prioritario o de fomentar a natación como forma de vida saudable e deportiva”.

As persoas interesadas en inscribirse en calquera actividade da piscina poden achegarse ás instalacións para obter máis información ou ben a través do teléfono 982 59 45 12.