O Concello de Foz organiza o 25 de novembro actividades para celebrar o Fair Saturday e o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O Concello de Foz, a través das delegacións de Servizos Sociais e de Muller, organiza para este sábado, día 25, actividades con motivo do Fair Saturday e do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

A concelleira Mercedes González Alonso anunciou que “o vindeiro sábado, 25 de novembro, únense en Foz o Fair Saturday e o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero”.

A edil explicou que “por primeira vez o Concello de Foz únese ao Fair Saturday, un movemento cultural aberto e participativo que se celebra a nivel mundial o último sábado de novembro. Diferentes entidades, artistas, etcétera xúntanse neste proxecto, amosando a importancia da arte e a cultura e cada un deles destina o recadado a un proxecto social que elixen. No caso do Concello de Foz entre as 17:30 e as 19:30 horas Perkusiona Escola de Perkusión poñerá música á Avenida da Mariña e o recadado será entregado a Cáritas, que colabora incansablemente coas persoas máis necesitadas do noso concello. Os interesados poden obter máis información sobre esta iniciativa en: https://fairsaturday.org/. Pode descargarse a aplicación de Fair Saturday para smartphones, tanto para Android como para iOS, onde se poden ver con detalle os eventos das entidades que nos sumamos a este movemento no ano 2017”.
 
Por outra parte o Concello de Foz conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, continuando coa campaña Para querer, QUÉRETE. “Neste ano 2017, incidindo na mensaxe cara a mocidade, levamos ao Pavillón Torques, de Marzán, unha marea morada. Estará composta por asociacións de mulleres (Afammer, Amas de Casa de Foz e Viúvas Pilar Otero), de comparsas e grupos (Farangullas, Ruxe Ruxe, Sin Xeito, Tas que pías e Trouleiras). Será unha marea encabezada por grupos nos que predominan as mulleres, pero nos que tamén hai homes. Unha marea contra manadas, contra vítimas culpabilizadas, contra desconfianzas, contra dependencias, contra abusos, contra senrazóns. Unha marea á que invitamos a sumarse a todas aquelas persoas que sintan que basta xa, que debemos dar un paso ao fronte, xuntos/as. Esperámosvos o sábado, 25 de novembro, ás 17:30 horas no Pavillón Torques, de Marzán, antes do partido do CB Celtas, ao que lle agradecemos a súa implicación, para amosar unha marea comprometida contra a violencia”, manifestou Mercedes González.