O Concello de Foz pecha os parques infantís, a biblioteca municipal, os espazos públicos de uso múltiple e instalacións deportivas polo brote de Covid na Mariña.

O Concello de Foz pecha todos os parques infantís, a biblioteca municipal, os espazos públicos de uso múltiple e instalacións deportivas polo rebrote de coronavirus na Mariña. Ademais retrasa o inicio do programa cultural de cine e teatro e do Aberto por Vacacións.

O alcalde focense, Fran Cajoto, publicou un bando no que explica que “ante a incidencia do COVID-19 (coronavirus) e o novo rebrote na Mariña, unha vez analizadas as indicacións e recomendacións trasladadas polo Conselleiro de Sanidade e tras a publicación no DOG do 5 de xullo de 2020, o concello de Foz adopta as seguintes decisións: procederase ao peche da totalidade dos parques infantís; a biblioteca pública municipal e sala de estudio permanecerá pechada ata novo aviso; os espazos públicos de uso múltiple -Sala Bahía, baixos Centro Social, Casa da Cultura, Cenima- para utilización de uso particular e de asociacións quedarán temporalmente pechados; retrasarase o inicio do programa Aberto por Vacacións; retrasarase o inicio do programa cultural de cine e teatro; e permanecerán pechadas as instalacións deportivas do Polideportivo do Campo da Cabana, pista de skate, pista de bowl e pista polideportiva de As Torres”.

Ademais o rexedor municipal de Foz lembra que “o uso de mascarillas é obrigatorio en todos os espazos públicos -incluídas as praias, excepto durante o baño-, reunións de máis de 10 persoas conforme ás novas disposicións no Distrito Sanitario da Mariña, así como é máis necesario ca nunca o distanciamento social. Recoméndase non facer desprazamentos fóra do concello salvo que sexa estritamente necesario”

O Concello de Foz permanecerá aberto nas condicións xa establecidas, mediante cita previa en tódolos servizos.

Para rematar Fran Cajoto traslada “unha mensaxe de ánimo a tódalas veciñas e veciños de Foz. Pedimos calma á poboación, así como responsabilidade individual de cada un. Se todos poñemos o noso gran de área sairemos disto máis fortes. Recordar que o teléfono de atención sanitaria para todo o relacionado co coronavirus é o 900.400.116. Só en casos de urxencia se deberán comunicar a través do 061 e non acudir aos centros de saúde”.