O Concello de Foz segue coa programación cultural en feminino. O 21 de novembro haberá concerto do cuarteto de trompas Catro Cores.

O Concello de Foz organiza esta semana un acto de conmemoración de Santa Icía. Será cun concerto de trompas a cargo do cuarteto Catro Cores o sábado, día 21, ás 19 horas na Sala Bahía e para acudir é necesario reservar. O teléfono habilitado é o 982.140.027, extensión 3, do departamento de Cultura. A entrada a este evento será gratuíta.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “o concerto segue a liña deste mes, relativa á difusión e empoderamento feminino, xa que o 25 de novembro é o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. O venres pasado a compañía Ítaca Teatro levaba á escena a obra Cinco minutos sen respirar, que mostraba ao público o sufrimento das mulleres vítimas de violencia por parte das súas parellas. Neste sábado sairán ao escenario catro mulleres que forman o grupo Catro cores, un cuarteto de trompas que achegará ao público un repertorio da mellor música”.

Inés López engade que “o Concello quere seguir apostando pola igualdade e a visibilidade da muller en todos os ámbitos, con anteriores eventos coma o ciclo Teatro en feminino do 2019 e outros moitos actos que se organizaron e organizarán para derrubar barreiras”.