O Concello de Mondoñedo pon en marcha un programa de dinamización TIC para as persoas de idade avanzada en todos os núcleos do municipio.

O Concello de Mondoñedo pon en marcha un programa de dinamización TIC dirixido ás persoas maiores de 65 anos que se desenvolverá en tódolos núcleos do municipio.

A programación, organizada polos técnicos de Servizos Sociais xunto ao equipo do programa As Tic na Casa, achegará as tecnoloxías á vida diaria das persoas de idade avanzada. Este servizo ofrecerá unha asistencia descentralizada e gratuíta que acompañará aos primeiros participantes, chegando aos seus fogares.

A concelleira de Servizos Sociais, Ángeles Rodríguez Rico, sinala que “a posta en marcha deste proxecto social ten como obxectivo favorecer o envellecemento activo”; xa que, nestes momentos, as restricións pola pandemia da covid-19 limitan o acceso ao club do xubilado ou aos locais das asociacións de mulleres nos que se desenvolvían múltiples actividades físicas e cognitivas. Estes locais que reunían a máis dun centenar de maiores e que actuaban como lugares de socialización fomentaban tamén o envellecemento activo.

Será o equipo de As Tic na Casa o responsable de achegar a máis dunha decena de maiores as novas tecnoloxías para dar a coñecer as vías de acceso á rede, o manexo básico de buscadores, uso de sistemas de videochamada e comunicación a través das redes sociais.

Virginia Vidal, a dinamizadora do programa, axudaralles a estar preto da realidade social mantendo o contacto cos seus seres queridos e acceder á información que precisen sen ter que depender para iso doutras persoas a partir de agora.  Así mesmo, “en momentos do día ou do ano onde a estancia no fogar é máis longa, o uso destas tecnoloxías favorecerá a distracción converténdose nunha alternativa atractiva e estimulante para unha ocupación no seu tempo libre”.

A experiencia do equipo de As Tic na Casa de programas anteriores é que os maiores teñen un interese polo uso e aprendizaxe das novas tecnoloxías para actividades da vida cotiá coma ler e ver as noticias, escoitar podcast, ver vídeos, comunicarse cos seus seres queridos e outras actividades de estimulación cognitiva.