O Concello de O Vicedo ofrece rutas gratuítas guiadas durante os meses de xullo e agosto

Este luns, 29 de xuño, foi presentada unha nova edición das rutas gratuítas guiadas por distintos puntos da xeografía do municipio de O Vicedo. Á presentación asistiron o alcalde de O Vicedo, Jesús Novo Martínez, e Boris Vilar, representante da empresa Rutas Galicia Norte, que será a encargada de executar este proxecto.

O Concello de O Vicedo explica que “na presentación indicouse  que estas rutas tratan de mostrar as cualidades de diferentes zonas do municipio desde o punto medioambiental, xeolóxico, histórico, etcétera; e son presentadas en formato ruta guiada, pausada e grupos pequenos, para practicar un turismo tranquilo amosando diferentes lugares especiais da contorna como a Ruta do Río Sor (ruta de sendeirismo homologada pola Federación Galega de Montañismo), a ruta pola praia de San Román e Moutillós (onde se celebra a Romaxe Viquinga) e constitúe tamén un importante punto xeolóxico, e a ruta das Laxes e Xilloi, cunha vista inmellorable desde terra sobre a Illa Coelleira. Das 3 rutas propostas cada mes, a ruta polo Río Sor é a máis esixente e recomendamos que se leve roupa e calzado axeitados así como auga e algún tipo de alimento. É unha ruta de 9 quilómetros na contorna do Río Sor”.

As inscricións deben facerse no correo electrónico rutasgalicianorte@gmail.com