O Concello de O Vicedo organiza diversas actividades socioculturais durante o mes de agosto. Haberá para todos os públicos.

O programa dará comezo o mércores, 5 de agosto, cunha ruta de sendeirismo dende a Ribeira do Bispo ata o Refuxio de Auga Caída de 12 quilómetros de percorrido. A saída será ás 9:30 horas en coches particulares dende a Casa da Cultura do Vicedo.

Tamén o mércores 5 ás 21:30 horas na Casa da Cultura, celebrarase o concerto 24 instrumentos musicais galegos a cargo de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero. Trátase dunha viaxe a través dos instrumentos da tradición musical galega como distintos tipos de gaitas, a zanfona, acordeóns, requintas e frautas, ocarinas e asubios, así como unha grande variedade de percusións con bombo, tambor, pandeireta, pandeira, pandeiro, lata, tixola, tarrañolas ou o charrasco.

O mércores 12, ás 10:00 horas, haberá outra de ruta de sendeirismo por Ponte Ulló, Morgallón e as Ribeiras do Sor de 10 quilómetros, e unha ruta en kayaks polas Ribeiras do Sor, ao prezo de 17 euros. Poderá facerse só a ruta de sendeirismo de balde.

O 13 de agosto ás 21:00 horas na Casa da Cultura, terá lugar a entrega de premios do Concurso de Fotografía Turismo Vicedo.

O 15 de agosto ás 10:00 horas haberá a subida do río Sor en kayaks. A saída será dende o peirao de O Vicedo e o regreso en furgonetas de Actividades Estaca. O prezo é de 17 euros e a actividade terá unha duración de dúas horas.

O mércores 19 desenvolverase unha xeoruta pola costa de O Vicedo, polas praias de Area Grande e Xilloi. A saída será dende a praia Area Grande de San Román, ás 10:00 horas.

O 20 de agosto ás 20:00 horas na Casa da Cultura actuará Circo Chosco que aparece en forma de humor, maxia, risco, malabar, acrobacias e equilibrios, inspirado no mundo de O Principiño de Antoine de Saint-Exupery.

O 26 de agosto terá lugar a baixada do río Sor en kayaks. A saída, ás 10:30 horas, será desde o porto do Vicedo ata Ribeiras do Sor onde se embarcará nos kayaks para baixar ata O Vicedo. O prezo é de 17 euros e a duración de dúas horas.

Para participar nas actividades deportivas é preciso anotarse no teléfono 982 59 01 95 e todas elas cumprirán as medidas sanitarias e de aforo establecidas polas autoridades sanitarias.