
O Concello de Viveiro abrirá do 15 ao 28 de xuño o prazo para solicitar autorización para celebrar comidas e ceas na rúa o vindeiro 11 de xullo, con motivo da Feira Renacentista 2026. As persoas interesadas dispoñerán dun formulario específico para solicitar tanto o uso de espazos de titularidade municipal como o préstamo de material.
“Os formularios estarán á disposición das persoas interesadas no Rexistro municipal e na páxina web do Concello. No caso dos establecementos de hostalería que presenten a solicitude en representación do negocio, esta deberá tramitarse a través da administración electrónica con certificado de representante”, explica o Concello de Viveiro, que ademais lembra que “deberán presentar solicitude tanto os particulares como os establecementos hostaleiros que desexen organizar comidas ou ceas na rúa durante a Feira Renacentista. Esta obriga afecta tamén aos veciños e veciñas que non soliciten préstamo de material, así como aos locais de hostalería que vaian ofrecer as comidas nos espazos que xa teñen habilitados como terrazas, xa que en todos os casos é preciso solicitar o uso do espazo”.
Tamén aclara que “no que respecta ao material municipal, o préstamo de taboleiros, cabaletes e cadeiras estará reservado unicamente á veciñanza, polo que non se prestarán mesas nin cadeiras aos establecementos de hostalería. O formulario fixa un máximo de 35 taboleiros, 70 cabaletes e 250 cadeiras. A concesión do préstamo de material e da cesión de uso dos espazos municipais realizarase por orde de rexistro de entrada das solicitudes e ata fin de dispoñibilidade”. O Concello de Viveiro sinala ademais que “a autorización será gratuíta, pero que cada solicitante asumirá a responsabilidade sobre a actividade desenvolvida, así como sobre a custodia e correcta devolución do material prestado”.


