O deportista Siro Maseda porá de novo en marcha o ximnasio municipal de Mondoñedo. Será por un período de dous anos, prorrogable a outro.

O deportista de alto nivel Siro Maseda Varela será o encargado de poñer de novo en marcha o servizo de ximnasio municipal que se localizará nun primeiro momento no baixo da Casa da Cultura de Mondoñedo. 

O Concello vén de adxudicar o contrato de prestación de posta a disposición da poboación municipal mediante contraprestación económica dun local destinado a ximnasio así como de actividades dirixidas a diferentes colectivos da poboación, por un período de dous anos, prorrogable por outro máis.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, lembra que o Concello dispón dun local adaptado para ximnasio, que conta coas dotacións mínimas necesarias para o funcionamento e que, por renuncia do anterior adxudicatario, atópase pechado. A rexedora destaca a importancia de reactivar este servizo para o uso dos veciños o que, ademais, “actuará como un incentivo á práctica de actividades deportivas e sociais”.

Candia tamén precisou que as melloras que require o local do baixo da Casa da Cultura serán asumidas polo adxudicatario ademais de que, segundo o prego de cláusulas que rexen o contrato, “o ximnasio poderase trasladar unilateralmente polo Concello ao local situado no pavillón municipal”. “A idea é centralizar nesta zona toda a práctica deportiva e estamos buscando financiamento para nun futuro acondicionar o ximnasio na nova localización”, precisa a popular.

Currículo de Siro Maseda
A alcaldesa da localidade tamén quixo poñer en valor o currículo do adxudicatario tanto no eido da súa formaciónacadémica como da súa carreira deportiva.   A rexedora destacou que é adestrador persoal, monitor de fitness/musculación e instructor de actividades dirixidas, como son pilates ou ciclo-indoor; ademais de masaxista deportivo. En canto a súa carreira, Siro Maseda é deportista de alto nivel, “ultrafondista que participou en carreiras internacionais de resistencia por montaña”, explica a alcaldesa. Competiu na Ultra Trail Montblanc, (168 quilómetros), recorrendo os Alpes en 38 horas; en catro traveseiras de Picos de Europa; ademais de no Ultramaratón El Soplao(123 quilómetros) e no Ultra Trail Picos de 55 quilómetros. Na actualidade está entre os 33 españois que asistirán ao Tor Des Geants, duns 330 quilómetros que recorre os Alpes italianos. Ademais, Siro Maseda competiu en múltiples carreiras populares, medias maratóns  e trails de montaña de menos distancia.