O Eido Dourado, en Barreiros, pecha as súas portas o 19 de agosto tras dez anos de continua actividade cultural.

O concerto que A Banda da Loba ofrecerá o vindeiro domingo, 19 de agosto,  no Eido Dourado servirá como despedida deste espazo, que pecha as súas portas tras dez anos dun proxecto dedicado ao arte e situado na praia barreirense de A Pasada. Acaba o ciclo de concertos Sons no solpor e péchase o Eido Dourado, que durante dez veráns acolleu infinidade de actuacións musicais, recitais de poesía, visitas guiadas e talleres para nenos e nenas, entre outras actividades. O artista Celso Dourado asegura que o espírito do Eido Dourado seguirá, pero fora de Barreiros.

Dourado anunciou que “neste concerto de despedida do Eido Dourado imos contar cun grupo ao que lle teño moito cariño. É un grupo, de nome A Banda da Loba, de música galega e integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias para crear un proxecto común. Mesturan o pop, o blues, o folk, o rock e tamén os sons tradicionais, creando un estilo musical moi propio, moi singular”.

Celso Dourado explicou que “Bailando as rúas foi o título do seu primeiro traballo, que é autoproducido e editado no 2017. O máis salientable, pese a xuventude deste grupo, é que no marzo do 2018 gañaron o certame aRi(t)mar de música galego-portuguesa. É un grupo que toma como nome o de A Banda da Loba, non é un nome calquera. Estas cinco mulleres teñen a idea moi clara de escoller o nome vinculado a unha figura feminina coa que se identificaban, estamos falando da bandoleira Pepa A Loba, que foi unha auténtica lenda galega do século XIX”.

O artista barreirense engadiu que “o traballo Bailando as rúas inclúe temas de autoría propios e tamén musica a poetas clásicos como Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Rosalía de Castro, e de poesía contemporánea como pode ser a de Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Están nunha xira practicamente por toda Galicia e están colleitando cantidade de éxitos. Se a noite acompaña, como sempre digo, será unha noite máxica”.

Respecto ao peche do Eido, Celso Dourado comentou que “cando co Eido Dourado iniciamos o proxecto, alá polo 2009, sabíamos que era un proxecto tremendamente altruísta, pero enriquecedor e o foi e en certa maneira o sigue sendo. Non contabamos coa cantidade de zancadiñas que nos puxeron neste longo andar. Cando empezaron a caernos algunha que outra denuncia, algunha que outra zancadiña, propuxémonos resistir ao menos dez anos con dignidade e facendo unha actividade cultural vinculada ao noso país. Eses dez anos cumprímolos neste 2018 e a partir de aí veremos, tanto a miña compañeira Tereixa como eu, o que imos facer. Este é o último ano deste proxecto e a ver que pasa”. 

Celso Dourado ten claro que “o espírito do Eido Dourado espero seguir manténdoo, case con total seguridade, salvo que cambien moito as cousas, fora de Barreiros”.