O Festival Atlántica recala por primeira vez en Mondoñedo con sesión de contacontos para adultos o 1 de xullo e monicreques para toda a familia o día 10.

Por primeira vez nas súas nove edicións, o Festival Atlántica recala no concello de Mondoñedo, a onde levará dous espectáculos dos galegos Celso F. Sanmartín e LarraitzUrruzola. Todas as funcións son gratuítas, pero para asistir cómpre reservar previamente no teléfono da Oficina Municipal de Turismo (982 507177). As actividades son posibles grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello de Mondoñedo.

A primeira actividade será o xoves 1 de xullo, a partir das 21:30 horas, na Ponte do Pasatempo. Alí a voz de voz de Celso F. Sanmartíndebullará as historias que se agochan baixo o suxestivo título de ‘Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca?’, un espectáculo dirixido ao público adulto. Serán 75 minutosna compaña duns dos narradores galegos máis recoñecidos, apaixonado da tradición oral e fervoroso transmisor dela.

Celso Fernández Sanmartín é un poeta e contacontos galego. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais).Como contacontos, caracterízase polo seu labor como recolledor e reinventor de historias e contos. O seu repertorio está composto por historias e memorias vencelladas á tradición oral galega e tamén á europea, que presenta como un verdadeiro tesouro nos seus espectáculos, cheos de coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua.

Cita cos monicreques
Uns días máis tarde, o sábado 10 de xullo, os máis pequechos e as súas familias van ter a oportunidade de gozar coa ‘Festa dos monicreques’ de LarraitzUrruzola. O espectáculo será no Alfar dos Muíños e comezará a partir das 19 horas. Aposta en escena desta función bebe da cultura popular, dos mecanismos e materias propias dos brinquedos tradicionais, dos cantos e da narración oral. A madeira, as teas e a herba trenzada están nos monicreques que usaneste espectáculo e onde tamén se atopan poemas de Rosalía de Castro e cancións populares.

LarraitzUrruzola é actriz e creadora de propostas escénicas para público infantil e familiar dende o ano 1989. De formación autodidacta e cun longo percorrido por varias compañías profesionais de teatro e monicreques, destaca pola súa capacidade de conexión e comunicación co público. Domina varias técnicas de manipulación de monicreques para as artes escénicas e mais para o formato audiovisual. Destaca pola versatilidade estética e pola súa variada tipoloxía da voz á hora de proxectar as súas personaxes.

Actualmente forma parte tamén da compañía Babaluvae mantén asemade entidade propia como contadora e monicrequeiracon montaxes como ‘A viaxe de Rosalía’, ‘Dona Barriga Verde’ ou ‘O crebanoces’ e cunha colección de espectáculos de narración oral baixo o paraugas dos Babacontos.

Atlántica segue
As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e vanse desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival.Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a webpara coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.

Sobre o Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

AXENDA MONDOÑEDO | FESTIVAL ATLÁNTICA 2021
XOVES 1 DE XULLO

Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca? de Celso F. Sanmartín (Galicia)
21 h | Ponte do Pasatempo| Adultos | Galego
Reservas: 982507177 (Oficina Municipal de Turismo)

SÁBADO 10 DE XULLO

A festa dos monicreques de LarraitzUrruzola (Galicia)
19 h | Alfar dos Muíños | Infantil e familiar |Galego

Reservas: 982507177 (Oficina Municipal de Turismo)