O GALP A Mariña Ortegal organiza un encontro para avaliar o seu impacto no territorio. Será o 4 de xuño en Viveiro

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña Ortegal organiza un encontro o día 4 de xuño, xoves, ás 17:30 horas en Viveiro para a avaliar o seu impacto no territorio.

“Despois de xestionar varias convocatorias do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura, chega o momento de facer a avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña Ortegal. O principal obxectivo deste traballo é o de ver o impacto e resultados que tivo a aplicación da citada estratexia no territorio. Facendo eco do enfoque participativo deste programa, dende o GALP considérase que é moi importante contar opinión de todas as persoas e entidades que dalgún xeito contribuíron ao desenvolvemento desta zona costeira. Por este motivo, o GALP A Mariña Ortegal inicia un proceso de participación aberto, que pretende ter en conta as achegas e valoracións do conxunto de axentes do territorio, a través da realización dunha serie de reunións para presentar os resultados obtidos ate o momento e poder emitir unha valoración. Estas reunións (mesas sectoriais e espazo para análise de proxectos) diríxense a todas as persoas, institucións e entidades do territorio e persoas interesadas en xeral, e realizaranse o xoves 04 de xuño na Casa do Concello de Viveiro (Praza Maior, 1, Viveiro)”, explica o GALP A Mariña Ortegal.

Desde o GALP destacan “a importancia da participación de todas as persoas e entidades vinculadas ao territorio, xa que as súas achegas serán fundamentais para continuar construíndo unha estratexia útil, próxima e transformadora, capaz de reforzar o desenvolvemento sostible da nosa costa e mellorar as condicións socioeconómicas da poboación vinculada ao mar”.