O grupo de rap galego Som do Galpóm actúa o 28 de xullo no cámping Gaivota, en Barreiros, dentro da programación das Queimadas proletarias.

O cámping Gaivota, propiedade do artista barreirense, Celso Dourado acolle este venres, 28 de xullo, a actuación do grupo de rap galego Som do galpóm. Será a partires das 23:00 horas nas súas terrazas e dentro da programación das Queimadas proletarias, música de raíz, que daban comezo hai uns días e que se prolongarán ata o 25 de agosto. 

Celso Dourado anunciou que “este venres estará con nós na queimada que facemos todos os venres a partires das once da noite, nas terrazas do Gaivota, un grupo que eu me atrevo a dicir que é dos iniciadores do rap en galego. É un grupo da comarca de Santiago, é Som do galpóm”.

O artista barreirense convida a “todos aqueles que queiran disfrutar da música de Som do galpóm nun ambiente máxico, a cita é este venres a partires das once da noite no cámping Gaivota”.

Dourado explicou que “Som do galpóm foi un dos iniciadores do rap en galego, foi sempre unha aposta moi radical dentro do rap. Fai un tempo xa actuaron no cámping Gaivota. Estaban desaparecidos, estiveron por Francia, seguiron sempre facendo música, e agora de volta a terras galegas inician a súa tournée particular e entre as actuacións que teñen é esta no cámping Gaivota este venres”.

Celso Dourado subliñou que “o grupo trae novidades. Non estivo parado, estivo evolucionando, ten incluso nalgunha das súas composicións, unha certa influencia francesa dentro do que é o espectro do rap, e espero que non decepcionen”.

A entrada é libre e gratuíta.