O Grupo de Teatro Andanzas, de Viveiro, representará "Baile de Huesos" o 3 de decembro en Burela.

O grupo de Teatro Andanzas de Viveiro representará o 3 de decembro ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Burela a obra "Baile de Huesos" de Elena Belmonte, autora que obtivo o Premio Lázaro Carreter de Literatura Dramática 2010 con esta obra. 

Trátase dunha comedia dramática e tenra á vez que apela á emoción e á esperanza, cuxo obxecto final é unha invitación á reflexión sobre os valores da nosa existencia. É a historia de catro personaxes que viven de costas aos seus soños e á súa realidade, esmagados por unha montaña de frustracións, detidos nun espazo-tempo baleiro e que esperan a chegada da morte, mentres discuten nunha situación inevitable como persoas que desexan vivir ou que desexan morrer. Cando chega a morte, resulta ser unha personaxe á que lle encanta a vida, é moi diferente ao que supoñemos e resulta ser afable e cordial e ata un pouco descoidada. Nesta obra e na vida a morte sabe falar pero tamén sabe escoitar para poder sentenciar e ben que o fai finalmente. A súa soa presenza fai de tornavoz dos nosos anhelos, fracasos e esperanzas. Unha obra en definitiva para celebrar o bo e necesario de vivir, un canto á vida cun reconto de razóns para vivir mentres se espera a inevitable última viaxe. 

A entrada será libre.