O grupo de teatro do Hula porá en escena “Asasinato na tenda de roupa” na Casa da Cultura de Alfoz o 18 de novembro

O vindeiro sábado, 18 de novembro, ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Alfoz o Grupo de Teatro do Hula representará “Asasinato na tenda de roupa”.

O grupo de teatro comezou a súa andaina alá polo ano 1993. En principio as súas actuacións transmitíanse polo circuíto pechado do antigo Hospital Xeral para contribuír a humanizar a convalecencia dos enfermos. Co tempo as representacións comezaron a facerse en aberto, contando coa asistencia do público que acudía ao salón de actos do propio hospital. 

Sinopse: Dona Katiusca ten unha tenda de roupa, que dirixe cunha actitude claramente tiránica. Na vida desta muller agóchanse unha chea de maldades e trampulladas. Un día calquera, a tenda énchese de clientas. Todo transcorre con normalidade ata que se descobren varios cadáveres. A situación complícanse pero aparecen en escena o gran detective Sherlock Sánchez e o seu axudante Cirilo Burrámez, que conseguen resolver os crimes de desentrañar os segredos de Dona Katiusca.