O Nadal dá comezo este venres, 1 de decembro, en Ribadeo co acendido do alumeado previsto para as sete da tarde

O alcalde, Dani Vega, anima á veciñanza a achegarse ao parque de San Francisco ás sete da tarde. Tamén se inicia o Mercado do Nadal, que se prolongará ata o día 10 na contorna da praza de abastos. 

O rexedor dixo que “mañá, venres, inauguramos o Nadal. Acenderemos o alumeado a partir das sete da tarde, despois inauguraremos o Mercado do Nadal e a continuación o photocall de Acisa para promocionar a nosa vila. E a partir de aí serán todas as actividades”.

Vega subliñou que “todos os días hai algo en Ribadeo. Sempre hai unha disculpa para vir visitar Ribadeo e os veciños e as veciñas teñen todos os días unha actividade arredor do Nadal”.

O alcalde convida a asistir: “mañá convidamos a todos os que queiran acompañarnos no parque de San Francisco ao acendido do alumeado de Nadal”.