O neurólogo Miquel Aguilar Barberá falará o 28 de abril en Burela sobre cómo alimentar o noso cerebro para mantelo xove. Será nas xornadas Mens Sana in Corpore Sano, que organiza a Fundación Expomar.

A Fundación Expomar organiza este xoves, 28 de abril, as Xornadas de Nutrición e Saúde Mental "Mens Sana in Corpore Sano", que terán lugar na Casa da Cultura de Burela a partir das 18:30h.

A xornada consistirá nunha mesa redonda sobre “A Saúde Mental na Mariña Lucense” e a charla informativa sobre nutrición “Como alimentar o noso cerebro para mantelo xove” a cargo do doutor Miquel Aguilar Barberá, neurólogo de Àptima Hospital Universiatio Mutua de Terrasa.

Para este doutor e profesor catalán, «o obxectivo é acadar máis anos de vida de calidade: unha vida plena e un envellecemento saudable. Non é unha quimera alcanzar os 100 anos en boas condicións e mesmo superar o límite dos 117 anos».

Na súa conferencia explicará as 12 claves para alimentar adecuadamente o noso cerebro e o noso corpo en todos os seus aspectos: «para cumprilo necesítase unha alimentación adecuada, exercicio físico regular e gozar das pequenas cousas do día a día, evitando todo aquilo que nos prexudica».

Previamente inaugurarán as xornadas a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, e o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano.

O acceso será libre e desde a Fundación Expomar anímase a tódolos veciños da Mariña que asistan a unhas xornadas nas que se tratarán temas moi importantes para axudarnos a levar unha vida saudable.

Despois da conferencia celebrarase unha mesa redonda sobre “A Saúde Mental na Mariña Lucense”, que estará moderada polo nefrólogo do Hospital da Mariña Secundino Cigarrán e na que participarán representantes das principais asociacións da contorna, como a Asociación Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas de Burela.

O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, destaca que "con esta actividade pretendemos promocionar o sector pesqueiro a través do consumo de peixe, e de paso fomentar unha alimentación máis saudable e poñer en valor o traballo das distintas asociacións que traballan no mundo da saúde mental aquí na Mariña".

As Xornadas de Nutrición & Saúde Mental "Mens Sana in Corpore Sano" están promovidas pola Fundación EXPOMAR e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal, contando tamén coa colaboración do Concello de Burela e das asociacións Saúde Mental A Mariña, AFAN Burela e Fundación Eu Son.