O pavillón da Veiga, en San Ciprián, acollerá o 21 de decembro o XII Campionato de Nadal de Nihon Taijitsu.

O Concello de Cervo acollerá o sábado 21 de decembro o XII Campionato de Nadal de Nihon Taijitsu nas modalidades de Kata Individual  e Goshin Shobu (defensa persoal).

O evento foi presentado polo edil de Deportes, David Rodríguez, e polo presidente da Escola de Artes Marciais de Cervo e director do departamento de Taijitsu da Federación Galega de Kárate, Miguel Ángel Rojo. 

O escenario da competición, que comezará ás 17:00 horas, será o Pavillón da Veiga de San Ciprián. 

Estímase que serán medio cento os participantes, entre nenos e adultos, que participarán na competición, dos cales o 60 % serán representantes da Mariña.

Haberá medallas para todas as persoas participantes, e trofeos para os tres mellores de cada unha das 8 categorías.