O Pescados Rubén Burela FS enfróntase o 30 de xaneiro ao SD Xove FS, de Segunda B, en cuartos da Copa Galicia. O encontro será no municipal xovense.

O municipal de Xove acollerá mañá un derbi mariñán sen precedentes, en cuartos de Copa Galicia. O Pescados Rubén Burela FS visitará o SD Xove FS, de Segunda B, ás 21.00 horas para buscar o pase a semifinais. 

O líder de Segunda LNFS terá que facer un alto no seu camiño ligueiro, coa visita de Bisontes Castellón este sábado a Vista Alegre (18.30 horas), para medirse ao sétimo de Segunda B. “Rompe un pouco a planificación á que estamos acostumados, pero é un reto moi bonito. Vai ser un partido complicado; xogaremos contra a gran motivación do Xove e contra moitos xogadores que pasaron pola base do Pescados Rubén. Nós temos que seguir na mesma liña, ser fieis na pista ao noso traballo da semana” explicaba o técnico laranxa, Juanma Marrube. 

O espectáculo está garantido nesta gran cita. “O de Xove é un pavillón pequeniño, coas paredes moi pegadas á cancha; sabemos que vai estar a tope. Este será un partido bonito para calquera afeccionado ao fútbol sala da Mariña. O fútbol sala será o gran vencedor da cita de mañá”, así convidaba Juanma Marrube aos mariñáns a gozar desta eliminatoria.

O último adestramento antes de Copa Galicia será hoxe ás 19.00 horas en Vista Alegre. Para o derbi comarcal, Juanma Marrube terá á súa disposición a todo o vestiario, excepto a Pitero, que continúa coa recuperación da súa pubalxia.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1.Edu, 2. Joselito, 4.Lucho, 5. Iago Míguez, 6.Luisma, 7.Porto, 10. Matamoros, 11.Juanfran, 12.Renato, 14.Pope, 15. R. Vargas, 23.Imanol, 30.Hélder