O Pico da Frouxeira acollerá unha recreación histórica organizada polos Concellos de Alfoz e Foz. Será o 8 de xuño.

O Pico da Frouxeira acollerá unha recreación histórica o día 8 deste mes, venres. O acto, que é para todos os públicos con entrada gratuíta, comezará ás 21 horas, pero o público debe estar no lugar con media hora de antelación como mínimo porque o acceso ao escenario da representación pecharase 30 minutos antes do inicio do evento. Titúlase A historia cobra vida na Frouxeira e está organizado polos concellos de Alfoz e Foz.

Ese mesmo día, pero ás 11 e media da mañá, na Frouxeira haberá outra recreación histórica, pero neste caso dirixida aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria dos colexios de Alfoz e Foz.

Os organizadores explican que se trata dun acto dos concellos de Foz e Alfoz para a promoción da Frouxeira, iniciativa que se suma á sinalización dunha ruta e dun miradoiro nese lugar, actuación que conta cunha subvención concedida polo departamento de Turismo da Xunta de Galicia.

Na presentación do evento participaron o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira; o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Local, Xabier Pardiñas Suárez; e os responsables da compañía Queiman e Pousa, que se encargará de realizar a recreación.