O programa Coñece a túa provincia, da Deputación de Lugo, leva de viaxe ata o 14 de abril a preto de 140 persoas de seis concellos.

Veciñas e veciños de seis concellos da provincia participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son en total preto de 140 persoas dos municipios de Outeiro de Rei, Riotorto, Foz, Pol, Samos e Ribas de Sil as que, dende este mércores e ata o venres, percorrerán o territorio lucense con estas viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade.

Este mércores, a Asociación Sociocultural e Veciñal A Costoña de Vicinte, de Outeiro de Rei, e a de Pais de alumnos do CEIP de Riotorto, viaxan á Mariña e á Ribeira Sacra. Os primeiros comezaron a súa ruta no Pazo de San Marcos, onde o grupo foi recibido por PabloRivera, Deputado de Promoción Económica e Social, antes de continuar cara Trabada, onde visitan o Museo Etnográfico José Rocha, continuarán ruta polos fornos da Pontenova, e rematarán o percorrido coñecendo o Mazo da Fraga en Ferreiravella, en Riotorto. Por outro lado, os escolares de Riotorto partiron a súa viaxe da Granxa Gayoso Castro da institución provincial, onde foron saudados polo Deputado responsable desta área, Roberto Fenández Rico. Posteriormente, puxeron rumbo á Ribeira Sacra, onde farán un itinerario cunha visita a unha igrexa románica en Sober e un miradoiro, e un percorrido en catamarán polo Canón do Sil, desde Monforte de Lemos.

O xoves será protagonista de novo a Ribeira Sacra e A Montaña. Escolares do Colexio Fundación Martinez Otero, de Foz, desprazaranse ata Sober e Monforte de Lemos despois de coñecer os segredos do mundo televisivo na Produtora de Audiovisuais da institución. Aos concellos daFonsagrada e Negueira de Muñiz viaxarán mulleres da Asociación Rurais Olvido, de Pol, tras coñecer a historia do Pazo de San Marcos. 

Para rematar a semana, o venres a Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos partirán do Mazo de Santa Comba para realizar na Mariña a ruta polos concellos de Trabada, A Pontenova e Riortorto. Tamén á costa lucense, neste caso aos concellos do Valadouro e Alfoz, viaxarán os membros do Centro de Animación Rural Remansiño do SIL-SAN CL, de Ribas de Sil, que sairán do Centro de Interpretación Terras do Miño. 

O programa Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.