O programa Cultura nas Parroquias do Concello de Ribadeo chega o 28 de agosto a Rinlo. E seguirá en setembro e outubro por outras localizacións.

O programa Cultura nas Parroquias chegará este sábado, 28 de agosto, ás 21:30 horas á praza de Rinlo, onde se poderá gozar do concerto audiovisual Versión Fin. 

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, lembrou que “Cultura nas Parroquias arrincou o pasado 10 de agosto en Vilaframil coa actuación do cuarteto Illa Pancha e seguirá este sábado, día 28, en Rinlo co concerto audiovisual Versión Fin. En setembro teremos actividades o 19 en tres localizacións diferentes: na Escola de Vilaselán, no Teleclub de Santalla e no Circulo Habanero da Devesa; o 25 de setembro en Couxela á saída da misa; o 10 de outubro na Escola de Remourelle; o 21 de novembro nas Anzas; e a Cultura nas Parroquias tamén chegará a San Pedro de Arante e a Cedofeita, aínda que as datas están por determinar”. 

A edil nacionalista explicou que “como este ano a maioría das parroquias non celebran as súas tradicionais festas, debido á situación sanitaria que seguimos a vivir, a Concellaría de Cultura decidiu investir os cartos que se ían destinar a subvencionar eses festexos a actividades de lecer e culturais nas propias parroquias. Eles foron elixindo datas e nós adaptamos as posibilidades que tiñamos a ese calendario”.

Otero Cabarcos subliñou que “desde o Concello queremos apoiar a cultura non só na vila senón tamén nas parroquias. Esta é unha aposta decidida desde sempre por parte deste equipo de goberno. Xa se fixo con programas como o de Músicas Comunais e a Escola de Música tamén se achegou ás parroquias ao longo destes anos”

A concelleira de Cultura convida “a asistir a estas actividades dun xeito seguro, empregando máscaras e xel hidroalcohólico, tanto en espazos pechados como abertos. A cultura é segura e por iso a programación do Concello ten que seguir adiante”.