O programa do Entroido de Burela desenvolverase do 11 ao 14 de febreiro. No desfile repartiranse preto de 4.000 euros en premios.

O programa de Entroido organizado polo Concello de Burela desenvolverase dende 11 ata o 14 de febreiro.

O domingo, día 11, será o Día do Desfile que dará comezo ás 17:00 horas con saída dende a rúa do Ril. As inscricións para participar poden realizarse na Casa da Xuventude, por correo electrónico en acasadaxuventude@burela.org, no local social da S.C.R. Ledicia sito na rúa do Ril número 4 ou o propio día do desfile entre as 16:00 e as 16:45 horas.

Ao remate do desfile, na carpa instalada na Praza do Concello, haberá unha chocolatada coa actuación dun dj e procederase á entrega de premios.

Os premios na categoría de Carrozas serán de 500 euros para o primeiro e 250€ para o segundo, ao igual que nas modalidades de Charangas e Comparsas. Na categoría de Adultos Grupo o primeiro recibirá 250 euros, 150€ o segundo e 100 euros o terceiro. No apartado de Adultos Parella o primeiro premio será de 150 euros e o segundo de 100€, e no de Adultos Individual o primeiro recibirá 120 euros e o segundo 50€. Na categoría de Infantil Grupo o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 100€ e o terceiro de 50 euros. Na modalidade de Infantil Parella o primeiro premio está dotado de 100 euros e o segundo de 60€, e a de Infantil Individual o primeiro de 90 euros e o segundo de 40€.
O programa de Entroido da Delegación de Cultura seguirá o luns, 12 de febreiro, co Luns de Farrapo. Ese día desde as 16:30 horas e ata as 18:30 horas haberá un obradoiro de cociña infantil na antiga praza de abastos, para o que será necesario inscribirse na oficina de Medio Ambiente ou no número de teléfono 982 58 08 87.

Ademais ese luns, ás 20:00 horas, celebrarase unha foliada e pasarrúas dos grupos locais de música tradicional. Dende a organización convidan a sacar a roupa vella ou calqueira cousa para disfrazarse, e aqueles que vaian de entroido aos locais nocturnos de Burela entrarán no sorteo dunha cea.

O martes, 13 de febreiro, será o Día d@ Nen@ e dende as 16:30 horas e ata as 20:00 horas haberá unha festa infantil, na carpa da Praza do Concello, con taller de máscaras, pintacaras, inchables, desfile con premios, música, photocall, chocolate e filloas.

O mércores, 14 de febreiro, será o tradicional Enterro da Sardiña que organiza A.C.M. Dambara. Ás 20:00 horas terá lugar a saída, e a comitiva chegará ata o areal de Penoural onde serviranse bolos preñaos e viño para @s participantes. A sardiña do desfile é feita pol@s usuari@s da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña.