O teatro centra a programación cultural do Concello de Foz para este mes de outubro.

A programación da Delegación de Cultura do Concello de Foz para este mes de outubro está centrada fundamentalmente no teatro. Comeza mañá, xoves, cunha representación da compañía Ibuprofeno Teatro na Casa da Cultura, ás 20:30 horas.

O concelleiro de Cultura en Foz, Ánxel Paleo, anunciou hoxe “a programación cultural para o mes de outubro, na que haberá teatro infantil, teatro de adultos, teatro afeccionado e cine. Dará comezo este xoves, día 5, ás oito e media da tarde na Casa da Cultura coa obra de teatro para adultos O Furancho, da compañía Ibuprofeno Teatro; é unha comedia que trata de dúas mulleres fortes e con personalidade que loitarán para lograr que os seus sonos se fagan realidade”.

Ánxel Paleo engadiu que “o sábado, día 7, será para os máis pequenos da casa, cunha obra de teatro infantil da compañía Produccións Dispersas chamada O souto dos prodixios, que escenifica a vida que ten un souto sendo un lugar máxico. Esta obra estará na Sala Bahía ás seis da tarde”.

O edil de Cultura adianta tamén que “o xoves 19 damos paso ao cine. Na Casa da Cultura ás oito e media da tarde proxectarase a película Eu, Daniel Blake, un film que dá a coñecer os problemas administrativos da actual Gran Bretaña, cun carpinteiro con problemas cardíacos, ao que obrigan a traballar para non recibir unha sanción. Para o venres día 20, dentro da programación Ler conta moito da Biblioteca Pública, proxectarase na Casa da Cultura ás oito e media da tarde, un audiovisual infantil de Xurxo Souto titulado Océano para terrícolas co audiovisual dos gaiteiros do mar”.

Ánxel Paleo sinala que “o sábado día 21, ás seis da tarde, no centro Os Castros, de Vilaronte, e en homenaxe a don Victoriano López Felpeto, terá lugar unha obra de teatro afeccionado do grupo Os Baluros coa obra Menciñeiro á forza, dirixida por Xosé Manuel Carballo. O domingo 22 no centro social A Saira, de Nois, ás oito da tarde o teatro afeccionado tamén será o protagonista. Nesta ocasión o grupo de teatro Lume escénico representará a traxicomedia A horta das cerdeiras, dirixida por Guillermo Cancela. Para rematar o xoves 26, na Casa da Cultura, ás oito e media da tarde, o grupo de teatro Xurxo Cortazar representará a comedia para adultos Desconexión”.

Paleo anunciou ademais: “desde a Concellería de Cultura estamos a elaborar o calendario de Teatro de Outono nas Parroquias coas diferentes compañías de teatro afeccionado que hai no concello e que se desenvolverá no mes de novembro e principios de decembro”.