
A quinta edición do Festival de Cine Curto de Ribadeo desenvolverase desde este xoves, día 6 de agosto, ata o sábado 8.
As actividades comezarán o xoves no Parque San Francisco, onde ás 20:00 horas serán proxectadas as catro curtas gañadoras das anteriores edicións deste festival. E ás 21:30 horas haberá un concerto de O Xoán, que é o cantante e actor Xoán Fórneas.
O venres ás 20:00 horas en Cine Ribadeo terá lugar a proxección das curtametraxes seleccionadas para participar nesta edición do festival.
E o sábado, tamén ás 20:00 horas, pero nesta ocasión no Teatro de Ribadeo será a gala final na que se coñecerá a curta gañadora. Será presentada polo xornalista televisivo ribadense Fabián Pérez, participará o padriño do festival, Xoán Fórneas, e actuará a Coral Polifónica de Ribadeo, que ofrecerá un concerto de música de cine.
Todos os eventos do festival son con entrada gratuíta.


