O VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza Apaga, terá lugar en Ribadeo do 29 ao 31 de agosto.

O vindeiro 16 de xuño rematarán as fins de semana tecnolóxicas, organizadas por Apaga, cun obradoiro sobre impresoras en 3D. Aínda quedan prazas dispoñibles. Logo estes cursos descansan e volverán despois da celebración do VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que terá lugar do 29 ao 31 de agosto. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia traballa tamén no que será o seu proxecto estrela en 2019, a doazón ao coñecemento e está á espera de todas as accións europeas solicitadas como promotores ou como socios. Son un total de 8, que se desenvolverán na súa maioría ao longo dos vindeiros dous anos.

As instacións do hotel O Cabazo, de Ribadeo, acolleron o pasado sábado, día 26, unha nova fin de semana tecnolóxica sobre avarías resoltas no taller. Foi impartido por Urbano Fernández Oliveros, que é un técnico de automoción da Coruña que ven colaborando con Apaga desde hai tempo ademais de ser socio da nosa entidade. O presidente da asociación, Álvaro Doural, dixo que “participaron profesores, pero principalmente técnicos de taller de diversos lugares como Coruña, Ribadeo, Barreiros, Mondoñedo, Burela, Viveiro, Avilés e Xixón. Foron preto de 20 os asistentes a esta cita”.

Doural anunciou que “o 16 de xuño se realizará unha actividade, unha fin de semana tecnolóxica, sobre a impresora en 3D. De momento hai bastantes prazas e esperamos realizalo. E posiblemente con iso rematen estas actividades ata a celebración do VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que vai ter lugar o 29, 30 e 31 de agosto, e a partir de aí no mes de setembro volverán as fins de semana tecnolóxicas.  

O presidente de Apaga subliñou que “a novidade vai ser que algunha actividade se vai realizar fora de Ribadeo e imos trasladar aos profesores a Madrid. Temos o ofrecemento dunha empresa de pinturas para facer un curso para un grupo de doce profesores ou técnicos de taller nas súas instalacións de Madrid.  E tamén estamos preparando o que consideramos que vai ser o proxecto estrela en 2019, que será a doazón ao coñecemento. Isto vai permitir que poidamos recuperar todo ese talento e esa formación que ten moita xente que xa está xubilada ou que ten moitos anos de experiencia, e que está disposta a aportar todo ese coñecemento para que quede recollido e que non se perda, especialmente no tema técnico aínda que ao mellor hai outros campos nos que tamén se podería facer. Nós imos facer un esforzo humano e económico importante para que iso teña o apoio necesario”.

Álvaro Doural engadiu que “estamos tamén á espera de todas as accións europeas que temos solicitado como promotores ou como socios. Son oito proxectos que se desenvolverían, un deles nos próximos cinco anos, e o resto entre 2019 e 2020. Hoxe contamos cunha rede potentísima a nivel europeo con arredor de 39 socios en distintos países da UE, de centros e empresas, e platexámonos o obxectivo de que en cinco anos poidamos estar en todos eles”. 

Namentres estes días alumnado e profesorado participan en diversas saídas formativos en países como Dinamarca ou Italia.