O X Concurso Fotográfico do Día do Pai de Acisa segue en marcha no facebook ata o 19 de marzo. A entrega de premios deberá agardar ata que a situación se normalice.

O X Concurso Fotográfico do Día do Pai, que convoca Acisa, segue en marcha no facebook. Os gañadores coñeceranse o vindeiro venres, día 20, pero a entrega de premios deberá agardar ata que a situación se normalice. 

Desde a xerencia de Acisa, Jesús Pérez, subliña que “este pode ser un bo momento para entreternos na casa coa fotografía. Animamos aos pais e aos máis pequenos e pequenas da casa a que se presenten ao concurso, a que pensen nunha boa imaxe vinculada co Día do Pai. Lembramos que as persoas que se vexan na fotografía deberán ter vínculo familiar e que no caso de saír menores entenderase que foi sacada e publicada coa autorización dos pais ou titores legais”.

Os traballos poden presentarse ata o vindeiro día 19 e poden participar todas as persoas maiores de idade que o desexen. As fotografías non puideron ser publicadas previamente en revistas, xornais, libros impresos ou sistemas online, e tampouco puideron ser obxecto de ningún outro premio fotográfico. Ata o momento son quince as imaxes presentadas a concurso. 

A aplicación no Facebook comezou a funcionar ás 00:00 horas do pasado 6 de marzo e desde ese momento poden subirse as fotos á plataforma. O prazo de envío remata ás 23:59 horas do 19 de marzo, que será cando a app do Facebook deixe de admitir imaxes, e nese momento saberase o gañador do premio máis votado polos seguidores do Facebook de Acisa.

A imaxe que reúna máis me gustas levará 200 euros en vales de compra como premio. E a segunda fotografía con máis apoios levará 100 euros tamén en vales de compra de Acisa. Jesús Pérez indica que “a entrega dos premios deberá agardar ata que a situación na que nos atopamos, provocada polo Covid-19, se normalice”. As fotografías premiadas e as presentadas poderán ser utilizadas nas diferentes plataformas de difusión de Acisa, co único obxecto de promocionar a fase participativa do concurso.
Consultas relacionadas co Coronavirus

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos ponse a disposición dos seus asociados e asociadas para tentar resolver todas as dúbidas que teñan coa nova situación que se está a vivir en todo o país, que se atopa en estado de alarma desde a xornada de onte, domingo. O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinala que “estamos a recibir chamadas de negocios que non saben si poden ou deben abrir, por exemplo”. Todos os empresarios que teñan consultas que realizar poden facelas chegar ao correo electrónico: info@acisaribadeo.es ou chamando por teléfono ao 982 120 565 e desde a xerencia iranse respondendo pouco a pouco. Iriarte Quintana dixo que “contestaremos no momento o que nos sexa posible e si temos que dirixirnos ás diferentes administracións para aclarar cousas tamén o faremos”. 

Acisa elaborará un documento conxunto con todas as medidas e axudas adoptadas polos gobernos estatal e autonómico para facer fronte a esta situación e distribuirao entre as súas asociadas e asociados. Jesús Pérez explica que “asistimos a diario a anuncios de medidas, de axudas, de modificacións, etc… por parte das autoridades competentes. O que imos facer para non saturar con comunicacións todos os días é elaborar un documento, cando isto se estabilice un pouco, con todos os asuntos de interese para o noso empresariado”.

A oficina de Acisa permanecerá pechada ao público ata novo aviso, pero mantén a atención telefónica e vía correo electrónico: “o noso traballo sigue, pero facendo caso das pautas que recomendan as autoridades sanitarias”.