O XXXIII Curso de Formación Orquestral de Xove desenvolverase do 23 ao 27 de marzo

O XXXIII Curso de Formación Orquestral de Xove desenvolverase do 23 ao 27 de marzo e foi presentado cun acto no que participaron o alcalde, Demetrio Salgueiro; a concelleira de Cultura, Dolores Meitín; e o director da actividade, Xan Carballal.
 
A organización anuncia que “esta 33ª edición do Curso de Formación Orquestral  introduce unha gran novidade, xa que a temática será en formato de conto musical, que compartirá tamén coa organización e traballo de grupos de música de cámara. Tanto o texto coma a música foi elaborado para a 33ª edición do Curso de Formación Orquestral de Semana Santa que organiza a asociación Prestoxove baixo o patrocinio do Concello de Xove. A música do conto está composta por Xan Carballal (director do curso de Formación Orquestral) e a lírica composta por Xulia Nogueira (directora da Escola Municipal de Música de Xove). Nesta edición os profesores invitados serán Nazaret Canosa (encargada da sección de violíns), Clara Martínez (encargada da sección de violas e chelos) e Sofía Canoura (encargada da sección de vento desta edición).

O organización do curso é semellante a anos anteriores: en horario de 10:30 a 14:00 serán ensaios seccionais e xerais de orquestra no colexio de Palmeiro, e nese mesmo horario serán os ensaios de escena no salón de actos do Centro Cívico. As tardes, en horario de 16:00 a19:00, dedicaranse aos ensaios de música de cámara e á montaxe dos elementos decorativos do escenario.

Coma en edicións anteriores, o curso está aberto a todos os alumnos de corda e vento que queiran participar e con diferentes niveis instrumentais.

O martes 26 ás 18:00 horas ofrecerán os alumnos de cámara un concerto con diferentes formacións, e o mércores 27 ás 19:00 horas terá lugar a clausura do curso coa representación do conto musical.